Viaxe aos Penedos de Traba con Don Isidro

Isidro Parga Pondal guía ao Rubén ata a Torre da Moa e os Penedos de Traba. Historias de pedras plutónicas e lendas de mouros.

Isidro Parga Pondal levaba tempo intentando convencerme do interese do estudo das rochas e o certo é que lle estaba custando. Cada vez que quedábamos para tomar o mate insistía no tema, máis eu, por ignorancia de profano ou por defecto do animal —padezo astigmatismo—, non vía nas fotos que me ensinaba nada máis que pedras. “Ha de vir vostede conmigo á Torre da Moa, home! En canto nos abran o peche de Concellos, imos ata Traba!!”. 

Viaxe aos Penedos de Traba con Don Isidro
Don Isidro saúda desde a Torre da Moa

Unha tardiña de marzo, das primeiras da apertura perimetral, montamos no meu coche —Don Isidro non é moi amigo de conducir— e collemos dirección a Laxe. O val de Traba verdeaba mansamente á nosa chegada, a punto de ourar de primavera. Don Isidro falaba: “Vai un dato que che vai gustar: o granito clasifícase como rocha plutónica. Xa te darías conta —que es de letras— de que o nome vén de Plutón, o deus do inframundo. O granito é magma que solidifica lentamente a grande profundidade —vinte e catro quilómetros baixo terra, máis ou menos— e aí queda! A erosión vai eliminando o material que ten por riba e millóns de anos despois, aí o tes! Nos curutos!” O xeólogo sinálame, ao outro lado do val, os perfís poutados do alto do Rascalobos, da Pena de Mórdomo e da Pena dos Mouros. “Cando trouxen aquí aos do Seminario, ao Pedrayo e a estes, fliparon!”.

Chegamos á aba da Torre da Moa e aparcamos na porta do bar Costa Brava, onde nos recibe o dono. “Van subir aos Penedos? Está vindo moita xente velos estes días!”. Saiba o lector que, querendo promocionar un espazo natural, nada mellor que anunciar a construción dun parque eólico. “Imos, imos! A ver se chegamos!”

Os traballos de corta de eucaliptos de días pasados converteran os camiños do monte nunha lameira, mais tamén permitían vislumbrar, desde o inicio do camiño, o perfil monumental da Torre da Moa; impoñente sobre a columna de bloques que lle fai de pé. A señora Flora de Boaño contaríanos, días despois, que neste penedo moeran os mouros as rochas para facer a area da praia de Traba.

Viaxe aos Penedos de Traba con Don Isidro
Don Isidro en momento de solaz

Despois dun ascenso difícil, chegamos ao pé mesmo da Torre da Moa. Un pasadizo tellado de hedra guiounos a un espazo coutado baixo o penedo no que se podían ver dúas covas. Don Isidro comezou a explicar: “Olle esa cova, don Rubén. É a Capela dos Mouros. O sitio no que estamos agora ben podería ser o adro da Capela, onde se xuntan os mouros a fumar o cigarro no día da festa mentras o cura oficia dentro. Imaxina? E esa outra cova que ve vostede aí é a entrada do túnel que comunica estes penedos coa cidade asolagada de Valverde, no fondo da lagoa!”. Asomeime, mais foi en balde, pois a cova non tiña máis de dous metros de recorrido. “É que para entrar no túnel hai que saber abrilo, amigo!”.

Desde o máis alto da Torre da Moa vimos a veciña peneda de Tras da Aguieira, irmán menor do Capitán de Yosemite. Ao sur, a Pena Forcada, que levanta os seus dous gallos cara o castelo de Vimianzo, coma un arqueiro inglés que estivese en guerra contra os Moscoso, se acaso quedase desta caste de lobos algo máis que a cabeza do seu brasón. Ao leste, a ría de Camaríñas e a insua de Muxía coma unha barquiña amarrada na ribeira, agardando a marea para saír ao mar.

Torre da Moa coa lagoa e a praia de Traba ao fondo

“Sabe, don Rubén? Subir a estes plutóns de granito é coma viaxar ao fondo da terra”. Mentras camiñábamos de volta ao coche, don Isidro ía concluíndo a visita. “O que lle dicía dos vinte e catro quilómetros: todos estes bloques formáronse a esa profundidade, e sabemos que pouca diferenza hai desde que estaban baixo terra a agora, millóns de anos despois. Apenas o desgaste das arestas ou os sucos da auga. Dá vertixe pensalo! Unhas rochas tan grandes, tantos milenios… Parece que custa metelo na cabeza! Porque son quen son, que se non, ben preferiría as historias de mouros. Moito máis fáciles de entender!”. Don Isidro convencérame. Abofé que a xeoloxía é un tema interesante!

No momento de chegar ao coche, un pouco por brincadeira, mentras limpabamos a lama do calzado, ocorréuseme preguntar “Don Isidro, e vostede sabe abrir o túnel que vai ata Valverde?”. “Si, home! Non vou saber! Outro día imos!”, respondeu rindo. Penso que falaba en serio. 

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí